Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de Lousame convoca a V Andaina contra a violencia de xénero, que terá lugar o domingo 24 de novembro


 

A participación é de balde, se ben é preciso anotarse antes do 21 de novembro nos Servizos Sociais municipais

O Concello de Lousame convoca a quinta edición da súa Andaina contra a violencia de xénero, que nesta ocasión terá lugar na mañá do domingo 24 de novembro. Unha iniciativa de participación gratuíta, se ben por razóns de loxística (tanto para os agasallos como, sobre todo, para o seguro) é preciso anotarse antes do 21 de novembro na Concellería de Igualdade, no 981 820 494 ou no WhatsApp 689 126 385.

A andaina está aberta á participación de toda a poboación, independentemente da súa idade ou condición física. “Será unha ruta por lugares fermosos de Lousame e cunha dificultade media baixa para que toda a poboación, adultos e rapaces, poida participar e amosar o seu rexeitamento á violencia machista”, explica a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo. De todos modos, o Concello de Lousame ofrecerá tamén servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos, sempre que así se solicite na inscrición aberta ata o 21 de novembro.

A ruta será circular, con saída e meta no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva), e cunha extensión de 9 quilómetros. As persoas participantes poderán retirar os seus dorsais e un agasallo para a ocasión a partir das 10:30 horas. A saída está prevista para as 11:00 horas, facendo un percorrido por Pastoriza, O Castro, río Vilacoba, papeleiras de Fontán e Brandía, Portobravo e de volta no polideportivo, onde haberá unha degustación gratuíta de chocolate e rosca.

Esta V Andaina contra a violencia de xénero está organizada polas Concellerías de Igualdade e de Deportes do Concello de Lousame e está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade.